Home » 2020 » Maio

Monthly Archives: Maio 2020

Presentación

Presentación

Colaboracións

Logo Biblioteca
Escudo comedor

Histórico

Instrucciones de 28 de mayo de 2020 por la que se amplían y concretan determinados aspectos de las Instrucciones de 27 de abril de 2020 para el desarrollo del tercero trimestre del curso académico 2019/20

Ao obxecto de ampliar e de concretar determinados aspectos relativos a avaliación e criterios de promoción e de titulación, recollidos nas Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, procede ditar as seguintes instrucións.

1. Obxecto e ámbito de aplicación

1.1. Estas instrucións teñen por obxecto ampliar e concretar determinados aspectos das Instrucións do 27 de abril de 2020, para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo a criterios de avaliación, promoción e titulación para o presente curso 2019/20.

1.2 Son de aplicación en todos os centros educativos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, na redacción dada pola Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, no contexto da aplicación das medidas de contención no ámbito educativo e da formación previstas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma sanitaria ocasionada polo COVID-19.

2. Probas finais e avaliación final

2.1 Os centros educativos non poderán realizar probas de modo presencial ao alumnado. Aqueles centros que tiveran previsto a realización de probas presenciais, coa finalidade de aumentar as oportunidades do alumnado para superar as materias pendentes ou con avaliación negativa, só poderán realizalas de modo non presencial, polo mesmo mecanismo co que cada centro se viñese comunicando co seu alumnado no desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe desde a suspensión da actividade presencial. Se os docentes o consideran oportuno, as probas poderán ser substituídas pola realización de traballos ou actividades que permitan unha avaliación obxectiva do alumno ou alumna.

2.2 As probas extraordinarias do mes de setembro, realizaranse na modalidade presencial ou non presencial, en función das condicións sanitarias existentes no momento da súa celebración. Ditas probas versarán exclusivamente sobre os obxectivos, as aprendizaxes e as competencias desenvolvidas en modo presencial durante o primeiro e o segundo trimestre.

2.3 Os centros educativos celebrarán conxuntamente a sesión da terceira avaliación parcial e a sesión da avaliación final, levantándose a correspondente acta. Valorarase o esforzo do alumno ou da alumna na realización das tarefas e actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación de aprendizaxes propostas, e o interese amosado no seguimento da actividade
educativa desenvolvida no período non presencial, tendo especial consideración ás dificultades de carácter tecnolóxico, social ou persoal que puideran ter concorrido en cada un dos alumnos e alumnas. En todo caso, a valoración das actividades realizadas na fase non presencial só poderá ter valor positivo para a cualificación final do alumno ou da alumna.

2.4 Polas circunstancias excepcionais do desenvolvemento do terceiro trimestre
do curso 2019/2020, nos documentos de avaliación os centros educativos
rexistrarán as cualificacións da primeira e da segunda avaliación e as
cualificacións da avaliación final. Non se rexistrarán cualificacións da terceira
avaliación. No caso das ensinanzas de formación profesional rexeranse pola
súa normativa específica.

3. Criterios de promoción en educación secundaria obrigatoria, en formación profesional básica e en bacharelato

3.1 En educación secundaria obrigatoria, en formación profesional básica e en bacharelato, independentemente de que a adopción da decisión sobre promoción se adopte por parte do equipo docente na convocatoria ordinaria de xuño ou na extraordinaria de setembro, os alumnos e as alumnas que promocionen dun curso a outro dentro da mesma etapa con materias non
superadas terán dereito a presentarse á convocatoria extraordinaria de setembro, a fin de posibilitarlle a recuperación desas materias.

3.2 Os resultados da convocatoria extraordinaria non alterarán as decisións de promoción que se tiveran adoptado na avaliación final ordinaria, agás que sexan máis favorables para o alumno ou alumna. Para estes efectos, a situación de non presentado/a (NP) na avaliación extraordinaria equivalerá á cualificación numérica obtida para a mesma materia na avaliación ordinaria.

4. Criterios de titulación en bacharelato

Os centros educativos poderán flexibilizar, de maneira excepcional, os criterios para a obtención do título de bacharelato sen ter en consideración as limitacións que afecten ao número de materias non superadas, cando a xuízo do equipo docente, o alumno ou a alumna teña adquiridos suficientemente os obxectivos xerais de etapa que lle permitan continuar o seu itinerario académico. En todo caso, a nota media da etapa debe ser igual ou superior a 5.

5. Informe individualizado

O informe individualizado recollido no punto 7.4 das Instrucións do 27 de abril será coordinado polo profesorado titor coas aportacións do profesorado do grupo. Facilitarase o modelo aos centros educativos.

 

Fonte: Eduxunta, prema aqui para descargar o arquivo pdf

Resolución do 22-05-2020 pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial

Fonte: Eduxunta prema aquí para descargar

Dada a extensión do artigo e a inclusión de anexos é aconsellable descargar o arquivo pdf dende a fonte.

 

PARTICIPACIÓN NO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

Estimadas familias,

No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de maio de 2020 sae publicada a Orde do 12 de maio de 2020  pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Destinatarios:

  • Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º, e 6º de EP e en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO.
  • Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira (discapacidade ≥ 65%) e na disposición segunda (necesidades específicas de apoio educativo).
  • Axudas para adquirir material escolar: alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

 Presentación de Solicitudes:

-Preferiblemente vía electrónica https://www.edu.xunta.es/fondolibros. Neste caso cubrirase 1 solicitude por cada fillo/a.

-Presencial na secretaría do centro. Neste caso cubrirase 1 solicitude para todos os irmáns que cursen no mesmo centro. Os impresos para as solicitudes estarán dispoñibles:

  1. a) No portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal
  2. b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.
  3. c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
  4. d) No propio centro ou na páxina web colegiojorgejuanxuvia.com

Documentación complementaria:

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

  1. a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
  2. b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar. En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

Outros documentos:

  1. c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
  2. d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  3. e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  4. f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
  5. g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

Prazo para presentar as solicitudes:

Do 19 de maio  ao  19 de xuño de 2020.  O horario do centro para recoller as solicitudes será de 10:00 a 13:00 h., PREVIA CITA, para evitar aglomeracións.

O equipo directivo

Solicitude Fondo de Libros, Axuda de libros e Axuda material escolar 2020.21

 

O alumnado galego dos segundos cursos de bacharelato e de ciclos medio e superior de FP poderá volver ás aulas a partir do 25 de maio

O alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de Formación Profesional poderá volver ás aulas de xeito voluntario a partir do vindeiro 25 de maio. A decisión tomouse logo da Conferencia Sectorial de Educación, presidida hoxe pola ministra Isabel Celaá, e na que houbo un consenso maioritario en que unicamente se retomen as clases nos cursos superiores que titulan.

Segundo avanzou Celaá, as comunidades recibirán hoxe ou mañá recomendacións sanitarias para a reapertura parcial dos centros educativos e para o desenvolvemento das probas de acceso á Universidade (ABAU). Ademais, a ministra comprometeuse a enviar tamén nos vindeiros días o protocolo sanitario deseñado polo Goberno central para os centros educativos de Ceuta e Melilla, co obxectivo de que poida servirlles de referencia ás comunidades autónomas.

Galicia demandou en reiteradas ocasións un protocolo sanitario específico para o ámbito educativo, avalado polos ministerios de Educación e de Sanidade, como paso previo para organizar a volta as aulas que, segundo estableceu o Goberno central, podería producirse a partir do 25 de maio nas comunidades autónomas que avancen á denominada Fase 2 do plan de reactivación cara á nova realidade.

Para Carmen Pomar, non se entende que diversos sectores económicos dispoñan xa dun protocolo sanitario para a súa reactivación mentres o educativo, que move millóns de persoas en todo o Estado, non o teña a pouco máis dunha semana de poder abrir os centros. A conselleira lamentou a demora do Ministerio no envío do documento e en especial que non puidese ser avaliado conxuntamente na reunión mantida hoxe.

Folla de ruta para o vindeiro curso

Canto ao vindeiro curso escolar, a conselleira insistiu na necesidade de que o Ministerio estableza “unha folla de ruta clara que garanta a igualdade no acceso á educación de todo o alumnado”. Neste sentido, confirmou a participación de Galicia no grupo de traballo que, segundo anunciou o Ministerio, se creará proximamente para preparar o curso 2020-21 e que abordará a organización escolar, a programación didáctica e a dotación tecnolóxica adaptadas á situación derivada da pandemia do COVID-19.

Oferta de emprego docente

Ademais, tal e como se comprometera a Consellería de Educación coas organizacións sindicais na mesa sectorial e despois de facelo xa na Conferencia General da pasada semana, Pomar solicitoulle novamente ao Ministerio o cambio normativo que permita acumular as prazas da oferta de emprego docente de 2020 coa de 2021. A este respecto, desde Ministerio asegurouse que a solicitude ten cabida no decreto que se está tramitar e puxéronse a disposición dos servizos xurídicos da Consellería.

Por outra banda, ante a proposta do Ministerio de anular as bolsas ao alumnado de Formación Profesional que aprazou a Formación nos Centros de Traballo (FCT), a conselleira demandou o mantemento destas axudas apelando á situación de excepcionalidade que estamos a vivir. Por parte do Ministerio asegurouse que xa se está a traballar para resolver esta situación.

Fonte: Eduxunta

ADAPTACIÓNS DAS PROGRAMACIÓNS

Estimadas familias,

 

Seguindo as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020, os departamentos didácticos e os equipos docentes de cada curso adaptaron a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ao ciclo, áreas ou materias integradas no departamento, que será referente para a mesma área, ou materia no centro educativo.

 

Todas elas poden consultarse na páxina web do centro www.colegiojorgejuanxuvia.com , na pestana Programacións, nas carpetas das distintas etapas, Infantil e Primaria, por cursos e Secundaria, por departamentos didácticos.

Estas adaptacións das programacións serán de aplicación na avaliación final do curso 2019/2020.

 

 

O equipo directivo

 

AVISO URXENTE !!!

Acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obriga­toria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21. (RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020- DOG 6 MAIO 2020)

  1. Prazo de presentación de solicitudes de admisión.

Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se de­clarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes.

O centro educativo deberá rexistrar as solicitudes na aplicación informática de xestión do proceso, «admisionalumnado», durante o día inmediato hábil seguinte ao da súa pre­sentación.

  1. Novos prazos do procedemento.
  2. a) De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.
  3. b) Novos prazos do proceso:
  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.

 

  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bachare­lato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.
  1. Adxudicación subsidiaria de postos escolares.

Con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización. Todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares … serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería.

 

PARA ENTREGA DE DOCUMENTACIÓN NO CENTRO ESCOLAR, PREVIA CITA NO TELÉFONO 981383020, OU CORREO A cpr.jorgejuan@edu.xunta.es

Para descargar a circular prema aqui

 

COMUNICADO PARA AS FAMILIAS 27 ABRIL

Estimadas familias,

A Comunidade Educativa do CPR. Jorge Juan segue traballando e esforzándose por manter contacto con todos a pesar do confinamento e o estado de alarma no que nos atopamos.
Dende o mesmo luns 27 de abril as Instrucións publicadas pola Consellería están subidas na páxina web do centro e foron enviadas a todas as familias, para que esteades informados.

  • O curso remata o 19 de xuño, e as clases seguirán a ser, de momento, non presenciais.
  • Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte o alumnado.
  • A avaliación do 3º trimestre farase a partir das avaliacións anteriores e das actividades desenvolvidas durante este período, sempre que favoreza ao alumnado; estas actividades da fase non presencial só poden ter valor positivo para a cualificación do alumnado, non podendo minorar os resultados obtidos nas avaliacións dos trimestres anteriores.
  • A repetición de curso será una medida excepcional, adoptada, en calquera caso, en función da evolución académica do alumno e alumna durante os trimestres anteriores.
  • Para o alumnado con avaliacións suspensas o profesorado facilitaralle actividades ou traballos que lles axuden a superar a materia. No caso de alumnado con materias pendentes de cursos anteriores, tamén cada profesor facilitaralle actividades de seguemento, recuperación e avaliación das materias pendentes, e poderá ser convocado a una proba no caso de non dispor de información obxectiva.
  • Os alumnos e alumnas promocionarán e titularán ser ter en conta limitacións que afecten ao número de materias pendentes, e no caso de alumnado de secundaria que promocionen sen ter superado todas as materias deberán matricularse das materias non superadas, e seguirán os programas de reforzo que se establezan para o vindeiro curso.
  • Durante estes días o profesorado está a elaborar as adaptacións das programacións didácticas cos estándares de aprendizaxe e competencias imprescindibles, os criterios de avaliación e cualificación e metodoloxía das actividades deste 3º trimestre. Estes documentos publicitaranse e faranse chegar ás familias e cada profesor e profesora informará ao alumnado da súa materia.

Se tedes aínda dificultades na recepción ou entrega das tarefas, comunicadeo aos titores e titoras, chamando ao centro ou enviando un correo ao enderezo electrónico do colexio.
Sabemos que son tempos de incerteza e pedímosvos paciencia; transmitirémosvos puntualmente todas as novidades que nos cheguen.
Moitas grazas pola vosa comprensión e moito ánimo!

 

O equipo directivo

Ligazón

Banner Libros
Tenda online

Proxectos do centro

Voz Natura
Logo Plan proxecta
Logo EPEL

Subscríbete ao blogue por correo electrónico

Introduce o teu correo electrónico para subscribirte a este blogue e recibir notificacións de novas entradas.